O pasado fin de semana tivo lugar en Pontevedra, o I Foro Proturga, onde se xerou un debate interesante sobre o turismo e o deporte, tema do que farei unha reflexión noutro post.
A xornada, como todas, empezaba coa inauguración por parte de representantes da asociación PROTURGA (Verónica Pichel e Beatriz Gil) e por representantes institucionais do turismo da nosa comunidade.
Tamén tivemos a sorte de estar toda a xornada acompañados por Stabri, porque mira que é complicado estar con el presencialmente! Tanto viaxar…
Contamos cun gran profesional como presentador, Octavio Rodríguez Nieto que animou a primeira parte da xornada. Os primeiros relatorios da mañá, versaron sobre a viabilidade e rendibilidade da organización dun evento deportivo na cidade onde se celebra, dende varias perspectivas: dende o punto de vista dun profesor da Universidade, dun organizador de eventos deportivos, e dunha axencia de comunicación que nos falou, entre outras cousas, do “verdadeiro marketing de contido” e da creación dun anuncio publicitario con base no deporte.
Chegou a hora da pausa, na que aproveitamos a saudar a algúns amigos que nos acompañaron na xornada, e a desvirtualizar a outras persoas que dende facía tempo quería coñecer.
E por fin, un dos momentos máis esperados do día: a entrega do I Premio Proturga, á mellor traxectoria profesional entre os socios de Proturga, e un sorteo que se realizou entre os asistentes. O premio foi parar a Javier Ramón e Ramón de Viajeros Low Cost, un rapaz xove emprendedor, que co seu discurso deixou impresionados ós que estábamos na sala; incluídos xente veterana do sector que se levantaron a darlle a man. Podedes ver neste enlace o discurso (moi recomendable): I Premio Proturga
Rematamos a xornada da mañá cun excelente relatorio da man de Mar Rodríguez de Tee Travel, que nos falou con profesionalidade e fundamento, sobre a comercialización dos seus produtos. Entre eles, o novo “pedalea entre viñedos” (encántame ese nome…). Quedeime con dous apuntamentos: a orixe do nome de Tee Travel, púxollo inicialmente porque pensaba dirixirse ó turismo de golf; e que dende o primeiro buscou ofrecer un produto diferenciador onde o primordial fose a calidade.
O xantar networking dou para moito: entre outras cousas, seguir co debate sobre o turismo e o deporte, pero tamén sobre outro aspecto que tratarei noutro post, que é a definición do propio concepto de turismo deportivo, pois, cal é o límite entre o turismo deportivo e o turismo de eventos? Haberá que reflexionar sobre o tema…
A xornada da tarde iniciouse dun xeito orixinal: unha mesa redonda de deportistas olímpicos xoves: por unha banda deportistas xoves, que nos falaron das distintas formas que teñen as empresas para patrocinar a deportistas; e pola outra, deportistas olímpicos veteranos que souberon captar a atención dos asistentes contando as súas experiencias e batallas…
Na segunda parte da tarde, analizouse o turismo deportivo dende tres vertentes: o potencial do turismo de surf, do Camiño de Santiago, e do turismo activo. Cabe destacar a opinión de Celestino Lores indicando que os hostaleiros non están aproveitando realmente o tirón dos peregrinos do Camiño. Haberá que tomar nota…!
Rematamos a xornada cunha visita guiada pola cidade de Pontevedra, da man dunha guía profesional de turismo de Galicia, Sandra Pérez: non soamente ensinou a cidade, senón que desvelou algún que outro segredo para facer unha visita guiada en condicións. Non vou contar máis…
Como dixo o compañeiro Javier, podedes ver o I Foro Proturga “a golpe de click” no seguinte enlace. Fotos realizadas por Marta González Sellán.
Remato esta “visión” agradecendo ás institucións que apoiaron o evento, aos patrocinadores, relatores, amigos, asistentes, socios, pero sobre todo a esas persoas que seguen a Proturga alí onde vai, e que non fai falla citar. A todos eles gracias, porque o Foro Proturga xa é unha realidade. E tamén a Nadia Cantero Barros e a Fátima Cachafeiro, que inda que non estiveron visibles durante a xornada, fixeron un gran traballo, dese que non se ve.
Vamos a polo II Foro Proturga!