En Bamio, turista por unhas horas…

lombos-ulla-bamio

Louceiros de Bamio do fondo da vila,

marchades pra feira,

tocando a buguina

 

Así empeza o documento de información que nos deron na exposición dos ‘Louceiros de Bamio e a súa historia oral’.

Hai unhas semanas gocei dunhas desas tardes memorables que farán historia… sen dúbida. Grazas a Susana puiden descubrir a outra cara de Vilagarcía de Arousa, a parte máis rural que mira cara ao mar… nunca mellor dito. Agora podo afirmar, que Bamio é un dos puntos máis singulares para vivir e sentir Vilagarcía. O lugar máis coñecido probablemente sexa onde está o Camping e a Casa Reitoral; pero un dos puntos máis altos desa área (onde están os Petroglifos de Os Ballotes) é un sitio  que che fai sentir un ser máxico… alí, os petroglifos vixían desde hai épocas, a Praia do Salgueiral e os lombos do Ulla, onde as augas doces do río Ulla se fusionan coas salgadas do mar da Ría de Arousa. Unha pedra ben coñecida polos mariñeiros e un cruceiro marítimo, marcan ese lugar.

Este territorio estaba unido no seu día, antes de ser separado polo trazado na estrada Nacional que une Santiago con Vilagarcía e antes de ser desfeito por unha canteira que foi a que nutriu a obra do edificio da Marina de Bamio (ou o de Renfe como chaman na zona). Pero esas desfeitas non foron quen de desfacer o sentimento… a ialma do lugar. E tras baixar por unha liña de terra chegas á Praia do Salgueiral, un recuncho cheo de historia como nos contou Susana, unhas das protagonista desta xornada.

louceiros-bamioOutros dos protagonistas, foron os Louceiros de Bamio. Ao final da tarde, achegámonos ao local social onde se presentaba unha exposición. Outra sorpresa máis! Bamio ten unha forte tradición oleira ou louceira coñecida a través de documentos históricos, arqueolóxicos e de diversas testemuñas. Pero a finais dos anos 40 os últimos louceiros de Bamio abandonaron o oficio perdéndose definitivamente. Hoxe en día, consérvanse pezas orixinais no Museo do Pobo Galego ou no Museo de Pontevedra. E segundo nos comentan, parece que inda se poden algún restos  atopar por leiras e xardíns de Bamio.

Desde hai uns meses a investigadora e arqueóloga Beatriz Comendador  xunto coa Asociación de Mulleres Rurais  están a traballar  no proxecto Louceiros de Bamio: co obxectivo de recuperar a memoria oral compartida da parroquia de Bamio, parte da súa cultura e identidade. Solicitan toda a axuda posible sobre o tema. Se estás lendo este artigo e tes información sobre o tema, este colectivo estaría ben agradecido da túa colaboración. Podes atopar  seu contacto, e estar ao día do seu traballo na súa páxina de Facebook: http://www.facebook.com/LouceirosdeBamio

Tamén a xornalista Rosa Estévez lle dedica un artigo a este proxecto que se pode ler aquí.

Grazas Susana, por descubrirme este territorio cos ollos dun local. Desde Latexos de Turismo damos os parabéns a ese grupo de persoas polo traballo que están a facer, vital para que a nosa historia non se perda e poida chegar aos máis novos e xeracións futuras. Eu como persoa allea, cada vez que volva a pasar por Bamio sentirei ese territorio doutra maneira, desde o coñecemento da súa historia. E reflexiono, non é isto o que buscan e demanda os turistas de hoxe en día? Eu fun turista por unhas horas…

E como di Susana… ‘Continuará…’

Scroll al inicio
Abrir chat
1
Latexos de Turismo
Hola
¿En qué podemos ayudarte?
Ir al contenido