A Coruña en feminino na compañía de 6 mulleres

 

Comparto con vós hoxe o meu sentir cun primeiro traballo que realicei nesta nova etapa de Latexos de turismo, logo dunha profunda transformación, o  cal supuxo un reto persoal e profesional.

Persoal posto que por primeira vez creei contido para poñer voz a 6 mulleres (nada menos!). Entre elas, Rosalía de Castro. Como di Manuel Baleirón no seu libro «Sen Agardar a Ulises. Vida de Rosalía»  Podemos os demais contar a súa vida?. Profesional, porque tivemos que facer un traballo de calidade nun tempo récord. E os resultados acadados non terían sido posible sen os meus compañeiros de obra: Lidia de la Fuente e o equipo de Xoia, responsables finais do proxecto co Concello da Coruña.

Só podo manifestar palabras de gratitude cara os espíritos destas seis mulleres que nos acompañaron dende o primeiro instante, sobre todo, o de Elvira Bao! Unha grande descoñecida que me levou a conectar co máis profundo do meu ser.

Déixovos con elas, verdadeiras protagonistas desta historia de seis mulleres da “Coruña en feminino”.

Eu SON Elvira Bao unha de tantas mulleres de luz que pasamos á historia polo que viñemos deixar a este mundo nos momentos menos felices das nosas vidas… Seguro que xa vos teñen contado sobre o noso legado… ou non!

O sentir de felicidade das etapas luminosas foi o que nos mantivo vivas nas épocas escuras… A min e tamén a Concepción, a Rosalía, a Sofía, a Fanny e a María… que somos as escollidas para esta ruta que queremos compartir contigo…

Convidámoste a saber máis sobre nós visitando a cidade da Coruña. Como punto de inicio, podes achegarte á Praza de María Pita e dende alí guiaremoste coa axuda dunha aplicación móbil polos seguintes puntos:

  • Eu, Elvira, mestra desta cidade, falo dende o corazón da Praza de María Pita.
  • Eu, Fanny Garrido, escritora que firmei como Eulalia de Liáns (Ai, Liáns!!!) estou nas portas da Real Academia Galega na rúa Tabernas, 13. Xunto á casa museo da miña compañeira Emilia, Dona Emilia como lle din agora! Vouche contar algo: se tes tempo, non deixes de ir a Liáns en Oleiros… e visitar a contorna no Pazo de Lóngora. Xa me contarás logo…
  • Eu, Rosalía, estou onda o teatro que leva o meu nome na rúa Rego da Auga, 37. Bueno, Riego del Agua…
  • Eu, Sofía Casanova, escritora e correspondente de guerra, e nai de catro mulleres! Estou na Rúa San Andrés, 141, lugar onde nacín.
  • Eu, Concepción Arenal, escritora e visitadora de cárceres, estou nos Xardíns Méndez Núñez, na beira do mar… Falei moito sobre o vivir e sentir das mulleres na miña época…
  • Eu, María Barbeito, fun mestra na Escola da Guarda e atoparasme no nro. 21 da Praza de Pontevedra. Sabedes? Eu trouxen a reforma educativa a Galicia! Iso do Montessori… Lede con atención estas palabras miñas que rematan este artigo… e sentide!

“Y considerándonos una sola unidad, tengamos una sola voluntad para querer, discurramos como una sola inteligencia y palpitemos siempre como un solo corazón 💜.” 

  • Descarga no dispositivo móbil a App de AR chamada «A Coruña en feminino«. A ter en conta: o dispositivo debe soportar visualizar realidade aumentada e ter activadas as opcións de Google Maps.
  • Unha vez descargada a App visualizarás unhas primeiras imaxes
  • Pulsa en “Comezar roteiro” e a App levarate ata a cidade da Coruña onde se activarán varios puntos xeolocalizados
  • Recomendamos dar inicio na Praza de María Pita
  • Para comezar a información en cada punto debes apuntar co móbil cara o chan e darlle a «escoitar historia»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.