Resumen
Lugo: encrucillada de camiños, “onde acaba a Terra Chá” como dicía Manuel María e porta á Montaña dos Ancares, a antiga cidade érguese maxestosa.
Cando un se achega a Lugo, ten unha sensación distinta: subir camiñando ou co coche ao outeiro onde se emprazou a antiga Lucus Augusti romana fundada por Paulo Fabio Máximo hai máis de 2.000 anos enriba dun castro, xera respecto a quen se achega por primeira vez. Encrucillada de camiños, “onde acaba a Terra Chá” como dicía Manuel María e porta á Montaña dos Ancares, a antiga cidade érguese maxestosa.
E non é para menos: esta cidade bimilenaria, a máis antiga e importante de Galicia en tempos, conserva, senlleira, a única muralla romana (do século III d.C.) que mantén o seu perímetro completo, 2,2 quilómetros que se pode percorrer polo adarve. E marca, claramente, a diferenza entre o centro e a cidade nova. A urbe está inzada de xacementos e restos arqueolóxicos, non só intramurallas, que se poden visitar no Museo Provincial, na Casa dos Mosaicos, na Sala de Exposicións Porta Miñá, no museo da Catedral de Santa María ou no Museo Interactivo de Historia.
Pero, sobre todo, Lugo é ser, o pouso de distintas culturas, pobos e relixións, dende castrexos a romanos, pasando por suevos, cristiáns e os actuais galegos, que conformaron a súa identidade deixando o seu pouso. Lugo é historia e modernidade, é austeridade na Semana Santa e troula no Arde Lucus ou no San Froilán, a festa galega do outono por excelencia. Os gaiteiros, pandereteiras e cantareiras son un sinal de identidade da cidade, que mantén a tradición sen pecharse á modernidade.
Imaxe: Lugo Spain City – Free photo on Pixabay
E si, Lugo é un centro urbano, pero tamén o contacto coa natureza no seu paseo do Rato ou nas súas parroquias rurais, un lugar ideal para perderse ou pasar unha tarde de relax, só ou coas persoas que queres. O concello posúe un entorno que se conserva en boas condicións e que, agardamos, o siga facendo no futuro.
E, por suposto, non podemos falar de Lugo sen o clásico “E para comer… Lugo”. Tamén aquí, temos unha fusión de tradición coas casetas do polbo en outubro e o cocido no inverno coa incorporación de novas receitas para todo o ano con verduras e produtos do mar, e a innovación dos novos cociñeiros. Hoxe, hai unha oferta gastronómica moi ampla para distintos perfís de público.
Por todas estas razóns, Lugo é unha aposta segura para pasar un día, unha fin de semana ou unas vacacións. Quen queira historia, monumentos, natureza, movemento e gastronomía, non pode obviar a cidade das murallas.