Latexos da nosa historia… a Batalla de Cacheiras

Un momento que nos marcou: abril do 1846

Un lugar: Cacheiras en Teo, onde ten lugar unha batalla

Dous líderes: o comandante Solís e o mariscal de campo De la Concha.

Un por que:

Nunha España gobernada por Narváez onde Galicia se situaba nunha posición marxinal,  o comandante Solís apoiado por un grupo de homes valentes: intelectuais, profesores, estudantes… levantouse co  fin de poñer un alto a esa ditadura.

De la Concha, mariscal de campo elixido polo do goberno de España, dirixiu un exército para frear este levantamento galego. No 22 de abril entrou no territorio do Concello de Teo e dirixiuse cara a reitoral de Baamonde onde, segundo conta a historia,  pasaron a noite 4.000 persoas!!  E tamén din que estivo a piques de caer da balconada que ten esa reitoral…

No día 23 de abril o encontro entre as tropas lideradas por ámbolos dous, tivo lugar na parroquia de Cacheiras. Os nosos paisanos  galegos foron recuando cara Santiago refuxiáronse e rendéndose no Mosteiro de San Martiño Pinario. O comandante Solís xunto con once dos seus oficiais foron trasladados  a Carral onde os fusilaron, orixinando así os Mártires de Carral.

Latexos do noso sentir…

A historia non rematou alí. O sentimento que orixinou ese movemento provincialista permaneceu no pobo galego, e volveu manifestarse na segunda metade do s.XIX a través do movemento rexionalista. Desta vez, con outro tipo de batalla… a nosa querida Rosalía de Castro e o seu home Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Aguirre… dez anos despois tiña lugar o Banquete de Conxo.

As persoas que percorren esta senda bautizada co nome de Ruta da Batalla de Cacheiras, poderán sentir o latexo da terra que garda na súa memoria o que presenciou naquela data.

Saíndo de Baamonde no lugar de Tribaldes o camiñante atopa un fermoso enclave composto pola Igrexa na honra de Santa María coa súa reitoral, ofrecendo unha panorámica a todo o val.  Moi preto dese lugar e seguindo o trazado marcado, atópase a área do Recobio sobre o río Santa Lucía…  un paraxe no que a natureza se comunica a quen chega co corazón aberto…  O percorrido segue pola parroquia de Oza (Eo dos Menecos e Santa Eufemia) para chegar á de Cacheiras (Raxó e Pena Escorredía) finalizando no Cumio de Montouto.

Os Xenerais da Ulla, dos que tantas veces fixen referencia neste blog, teñen a  súa orixe neste relato que hoxe vos achego.

Anacos da nosa historia que chegan ata hoxe grazas ao traballo do Concello de Teo que creou esta  ruta, sinalizando, e  mantendo o seu trazado.  A información está dispoñible en Wikiloc e pódese acceder entrando na propia aplicación ou a través dos múltiples QR que ten o concello nos diferentes espazos online e materiais físicos.

Un percorrido que se pode facer por libre  en calquera época do ano no que o camiñante conectará coa terra, a natureza, e co que pasou en abril do 1846.

A  maiores, durante estes meses de verán estanse a organizar saídas teatralizadas con saídas especiais para familias. Neste enlace podedes ampliar a información e realizar a inscripción. Se vos interesan, bulide! Porque hai varios días completos…

Fontes consultas: material turístico do Concello de Teo.

Scroll al inicio
Abrir chat
1
Latexos de Turismo
Hola
¿En qué podemos ayudarte?
Ir al contenido