Hai unhas semanas vivía outro deses momentos que te fan sentir viva… de feito, parte do título é unha das frases que recollín nesas xornadas.
Foi durante a celebración do III Foro de Rehabilitación en Rianxo organizado por APATRIGAL (Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego); asociación que naceu recentemente, e da que hoxe anunciamos que xa formamos parte con moita, moita ilusión.
Nunha primeira lectura do cartel pode parecer que os relatorios son de arquitectos, e podemos caer no erro de pensar… que ten que ver co turismo? Pois moito. Hoxe, hai poucas cousas que nada teñan que ver co turismo…o turismo ten que ver con todo. Neste caso, a arquitectura é patrimonio, e o patrimonio significa conservación, rehabilitación, coidado, posta en valor… cultura. E a cultura é un piar fundamental, do turismo. E cada vez máis… os viaxeiros (que xa non turistas) buscan a autenticidade dun destino, e iso reside na cultura, indiosincrasia do lugar, no contacto coa poboación local…
Introducido o tema, falar un pouco das miñas percepcións e experiencias ao escoitar falar a varios persoeiros do eido da arquitectura en Galicia…
O primeiro foi Óscar López Alba de OLA Studio… un pracer escoitar tanta sinceridade e transparencia. Trouxo unha presentación do máis singular, onde facía un paralelismo entre os pratos dun menú de comida con obras de rehabilitación.
Falounos de varios traballos que levou a cabo: oficina de turismo de Sarria, varios albergues do Camiño de Santiago, obras no Mosteiro de San Clodio, rehabilitación do Hotel Comercio en Monforte, ou a Praza de Abastos de Lugo. Pódese ver información na súa web (acabo de descubrir un ante-proxecto dun spa nun faro!!!!) Recoméndovos que entredes a ler os textos que hai escritos… sen comentarios.
O seguinte en falar foi César Portela. Horas e horas poderíamos estar falando dos seus traballos… ese día mostrounos as súas obras en Pazo Baión, Illas de San Simón e San Antonio, Museo de Mar de Vigo, Igrexa da Peregrina de Pontevedra, Cemiterio de Fisterra e o que máis me impactou persoalmente e me emocionou: o Plan Reitor da Illa de Sálvora. Un proxecto que deseñou que esperamos poda ver a luz pronto; contempla a restauración da aldea, e con usos dirixidos principalmente a turismo didáctico e á investigación. Eu engadiría… e retiros…
Esa tarde, non puido rematar mellor… cunha visita á ‘Aldea maldita de Castelao’. Porque parte da nosa cultura e do noso patrimonio (inmaterial) son contos, lendas… coma a que xira ao redor desta aldea de Rianxo. Parece que hai un programa gravado por Cuarto Milenio…
No segundo día, só puiden estar no relatorio de X.M. Vázquez Mosquera e Carme Calatayud que nos mostraron varias obras nas que interviñeron: Plan Especial de Protección de As Burgas en Ourense, a conservación do Lavadoiro Público de Betanzos, e do Palco de Betanzos. O relator conseguiu transportarnos a cada un deses lugares e fíxonos partícipes de cada historia… sentindo e emocionándonos con cada diapositiva e explicación.
Outro relatorio no que me foi imposible estar, e de seguro foi do máis sensible e auténtico, a presentación como caso de éxito da aldea rural de Quintandona en Portugal no concello de Penafiel. É unha aldea típica restauranda que mantén a autenticidade a a esencia da cultura da vila antiga a través da arquitectura, da paisaxe agrícola e forestal. As casas da aldea foron habilitadas para establecementos turísticos: a Casa do Aguieiro,-Casa do Campo, o Winebar Casa da Viúva, a Casa Valsixto-Country House e a Vizinha da Viúva-Country House. Conta tamén cun Centro de Interpretación, Centro BTT e Centro Cultural. E non pode faltar, unha festa tradicional na aldea: A Festa do Caldo de Quintandona. Unha festa adicada á gastronomía local e á cultura tradicional portuguesa, permormance, artesanía… do 16 ao 18 de setembro. Unha aldea-refuxio situada na Ruta do Románico, na Ruta do Viño Verde e moi preto de tres lugares Patrimonio da Humanidade: Centro histórico de Porto, Centro histórico de Guimaraes e Rexión de Viñedos de Alto Douro.
Como vedes, unhas xornadas marcadas pola paixón á nosa cultura galega por parte dos relatores, organizadores, e tamén asistentes… Remato cunhas frases que recollín e que recomendo mirar con diferentes olladas, ir máis alá da arquitectura, porque comunican coa alma…
- ‘De la intuición al conocimiento’
- ‘Los edificios siguen conservando su vida’
- ‘Generar atmósfera, crear ambiente’
- ‘Dar protagornismo a los más humildes, más débiles’
- ‘Poesía para el lugar…’ (falando de San Clodio)
- ‘El árbol soporta el cristal del techo y es la energía… genera espacio, crea atmósfera’ (en San Clodio)
- ‘Hai que sentar a base, se non hai base, non se pode medrar’
- ‘Hai que entender a cidade’’
- ‘A elegancia do cotiá’
- ‘O coñecemento da circunstancia é a inspiración para o traballo’
A miña preferida: ‘Hai que borrar para ver máis o mar e menos as farolas’
Dende Latexos de Turismo agradecer á organización pola súa acollida, darlle os parabéns e que esperamos vernos na IV Edición o ano que vén! Desculpade os expertos en arquitectura se hai algún mal uso dos términos técnicos.
Ata o próximo Latexo!!