I Latexos Debate. A lamprea en Pontecesures: Identidade local, gastronomía, cultura e turismo.

Tal e como foi anunciado hai unhas semanas, Latexos de Turismo celebrará nos próximos meses varias tertulias sobre diferentes temas que afectan positiva ou negativamente ao turismo (segundo como se mire); convidando a persoas con diferentes perfís así como a todas aquelas outras que queiran achegarse para poder debater sobre o tema en cuestión entre todos os asistentes, e pechar cunhas conclusións cpmúns que logo se publicarán no blog e nalgún medio especializado de turismo.

lamprea-ulla-pontecesures

#LatexosDebate en Pontecesures na Festa da Lamprea do Ulla.

O primeiro destes #LatexosDebate celebrarase preto da casa, nun pobo do que falei xa varias veces neste blog: Pontecesures. Na primeira quincena de marzo, esta vila fai a exaltación da raíña do Ulla: A lamprea. Xa van pola vixésimo primeira edición… O fin de semana do 4 ao 6 de marzo celébrase a Ruta de tapas de lamprea nos bares da vila; e o fin de semana seguinte, 12 e 13 celébrase a XXI Festa da Lamprea de Pontecesures, coincidindo coa Festa de San Lázaro o domingo 13, Santo milagreiro que recibe a milleiros de fieis dende hai anos.

Nese marco, o día 12 de marzo a partir das 10:30 da mañá, terá lugar o I Latexos Debate. Sobre as 10:45 sairemos dende o local social de Pontecesures rumbo á zona dos valeiros do porto, acompañados polo presidente da Asociación de Valeiros de Pontecesures, que explicará cómo se captura e introduciranos aos asistentes nese mundo da lamprea… algo que non sempre se lle da o valor que ten.

De seguido, no local social celebraremos o #LatexosDebate ca mesma persoa da Asociación de valeiros: Antonio Pesado; a el sumarase un cociñeiro afeccionado da lamprea que leva anos elaborando ese prato para moreas de convidades: José Ferreiro. E outras persoas locais que dende anos coñecen ben a lamprea estarán entre os asistentes para participar. A maiores, tal e como reflexa o cartel, estarán Alberto Traversa de La Alacena Roja, Susana Mondragón do Dalle q Dalle coworking, Juan Segade e o fotógrafo compostelán Xaime Cortizo.

Algo non encaixa… Qué fan un xornalista gastronómico, unha xestora cultural, un guía de turismo e un fotógrafo ao redor da lamprea?

Pois se queres descubrilo, achégate o próximo 12 de marzo a Pontecesures. A partir das 10:30 para formar parte desa tarefa de capturar lampreas, e a partir das 12:00 (aprox.) para participar dunha tertulia sobre a lamprea. Un mundo por descubrir… polo que contan.

Entrada de balde, agardámoste!

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *