Padrón volve… Volve a Padrón porque SOMOS…

Volve a Padrón

 

O Concello de Padrón segue con accións do seu Plan de Reactivación económico. É o momento de publicar unha enquisa online para coñecer a opinión de todos e todas os residentes de Padrón respecto á folla de ruta que deben seguir para a dinamización económica da vila e do sector turístico

 

Lorena Couso destacou “a importancia de coñecer as impresións e propostas de toda a veciñanza para articular este Plan, que dende o primeiro momento concibimos como un proxecto vivo”. Do mesmo xeito, nas vindeiras semanas convocase aos representantes de distintas asociacións, aos líderes de opinión e expertos dos eidos comercial e turístico para seguir facendo unha ronda de consultas para a configuración do Plan de Reactivación Económica.

O obxectivo do Concello de Padrón é establecer liñas de axuda para paliar os efectos da crise da Covid-19 e que os empresarios da vila poidan seguir adiante tras os meses de confinamento. Ata o de agora, o Alcalde e a Concelleira de Turismo mantiveron reunións cos comerciantes, hostaleiros, empresarios e praceiros de Padrón para recoller todas as súas demandas e ideas de cara a implantar un Plan de axuda e de melloras. Tras estes encontros, dende o executivo local xa puxeron en marcha unha serie de iniciativas de carácter urxente co fin de atraer novos consumidores á vila entre as que destacan a creación dun Marketplace como ferramenta de promoción. Trátase dun espazo no que as distintas empresas e provedores poderán mostrar os seus produtos e servizos.

Todas estas iniciativas súmanse á campaña #PadrónVolve, a través da cal o Concello entregou biombos protectores para todos os establecementos comerciais, rotulou os escaparates levando a cultura á rúa, e fomentou a promoción en redes sociais das empresas locais.

Plan de comunicación e creación de experiencias

O Plan de promoción articulado polo equipo de Turismo do Concello de Padrón tamén inclúe a creación dunha serie de vídeos nos que se promoverán os diferentes atractivos do municipio a través dos padroneses, que porán cara a esta campaña. A mensaxe principal sobre a que pivotarán estes vídeos é “#VolveAPadrón porque SOMOS… Gastronomía, Comercio, Camiño, Vida…”. Todas as persoas que queiran participar nesta acción de promoción de Padrón, poden poñerse en contacto co Concello a través do email turismo@padron.gal.

Proximamente tamén se enviarán invitacións para que empresas e provedores relacionados co turismo xeren experiencias turísticas para promocionar Padrón coa axuda do departamento de Turismo, que dará difusión á páxina web.

A enquisa para a cidadanía pode consultarse nesta ligazón:

https://forms.gle/7Gh68XxQFtWemWry8