O Concello de Padrón crea un plan de reactivación económico participado

O próximo luns 1 de xuño  o Concello de Padrón presentará o seu plan de reactivación económica aos axentes económicos locais. Poñendo así en marcha un plan participativo ao escoitar e atender as necesidades de todos estes axentes locais e tamén da cidadanía.

Lorena Couso sinalou que “é tarefa de todos impulsar os motores económicos da nosa vila, e xuntos conseguiremos superar as consecuencias desta pandemia”. 

Compartimos esta imaxe que corresponde a un dos carteis que deseñaron especialmente para a posta en marcha da campaña online e offline: #PadrónVolve.

 

Os obxectivos:  reforzar a confianza do público e crear un destino seguro e libre de coronavirus. As claves deste proxecto que desenvolven dende o departamento de Turismo son apoiar a estes sectores, crear un ecosistema de axentes económicos do territorio, impulsar medidas para os procedementos hixiénico-sanitarios, potenciar o tecido empresarial da localidade, mellorar a confianza do consumidor e promover novos produtos turísticos.

O equipo de Turismo municipal elaborou este proxecto para 2020 e 2021 tendo en conta o Plan de Acción Padrón para 2017-2022, os informes publicados pola Axencia de Turismo de Galicia, o Clúster de Turismo de Galicia e a Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, as recomendación das Nacións Unidas e a opinión e necesidades dos axentes locais implicados na reactivación de Padrón,

Liñas de acción

Un total de nove liñas de acción vertebran este Plan de reactivación. A través desde proxecto intentarase coordinar as medidas públicas e privadas, dinamizar o comercio, impulsar o traballo en rede con outros destinos, crear novas produtos -como por exemplo Padrón Gastronómico-, poteciar o Camiño de Santiago a Padrón a través da ‘Pedronía’, impulsar o turismo activo e o turismo de autocaravanas, desenvolver campañas de promoción, de sensibilización e de comunicación e marketing online.

A campaña para dinamizar o tecido empresarial xa se puxo en marcha coa entrega de 115 biombos protectores de cristal templado, coa proposta plenaria para a exención de pago de terrazas para establecementos hosteleiros, creación da campaña #PadrónVolve a través das redes sociais, a campaña ‘Cultura na Rúa’ e a axuda á instalación de medidas hixiénico-sanitarias nos establecementos comerciais.

Asimesmo, nos vindeiros meses desenvolveranse acción de promoción encamiñadas a fomentar o fluxo de visitantes, accións de sensibilización e formación sobre o potencial dos recursos da vila, e activaranse distintas campañas de marketing e comunicación.

Consulta nesta ligazón o Plan completo.