Oito restaurantes de Padrón participan este ano nas VI Xornadas Gastronómicas da Lamprea

  • As Xornadas desenvolveranse dende o 13 ata o 22 de marzo, e para degustar os menús coa lamprea como protagonista débese facer unha reserva previa
  • A programación de actividades coordinada polo concello inclúe actividades divulgativas para público familiar, obradoiros para aprender a facer empanadas de lamprea, charlas e un concurso de empanadas de lamprea

As fins de semana do 13,14 e 15 e do 20,21 e 22 de marzo terán sabor a lamprea en Padrón, xa que durante estes días celebraranse as ‘VI Xornadas Gastronómicas da Lamprea’. Este ano un total de oito restaurantes ofrecerán un programa gastronómico coa lamprea como protagonista, e ademais dende a concellaría de Turismo programaron numerosas actividades de divulgación, lúdicas e culinarias.

Para degustar os menús elaborados por cada uno destes establecementos, haberá que reservar previamente, e o prezo será de 30 euros por persoa. Os locais participantes son Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Os Carrisos e o Restaurante O Santiaguiño.

O programa tamén inclúe actividades para nenos e nenas. O venres 13 de marzo ás 17:00 horas haberá xogos sobre a lamprea na Biblioteca, aquelas familias que queiran inscribirse terán que facelo antes do 11 de marzo enviando un email a biblioteca@padron.gal ou no teléfono 981 810 761.

Baixo o título de ‘«Tertulias clandestinas… no convento de Herbón’, José Manuel García, do programa  Comer e falar todo é comezar-si radio Galicia entrevistará en directo a un experto en lamprea: Miguel Piñeiro. E posteriormente, persoal do convento realizarán unha visita guiada polas instalacións ata as pesqueiras –lugar no se que pesca a lamprea-. Esta actividade é gratuita, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou polo correo electrónico de turismo@padron.gal

O venres 20 de marzo, ás 20:00 horas celebrarse un concurso de empanadas de lamprea, a participación tamén é gratuíta, pero precisa inscrición previa na Oficina de Turismo antes do mércores 11 de marzo. O primeiro premio é de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros. O Concello de Padrón encargarase de proporcionar unha lamprea a cada participante para facer a empanada do concurso.

E para concluír a programación, o sábado 21 de marzo ás 17:00 horas desenvolverase un obradoiro de cociña para aprender a elaborar a tradicional empanada de lamprea, e outros pratos con este produto. Terá lugar no edificio de Servizos Sociais, e malia que é gratuíto, hai que inscribirse previamente na Oficina de Turismo, a través do email turismo@padron.gal ou  no teléfono 646 59 33 19.

Para máis información, consulta a web: www.terrasdeiria.com/lampreapadron


Padrón crea consciencia co Camiño de Santiago a Padrón da Pedronía

A igrexa parroquial de Padrón acollerá este vernes ás 20.30h a presentación oficial deste
ambicioso proxecto impulsado por “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia


A Concellaría de Turismo de Padrón presenta este venres día 18 de outubro ás 20.30h na igrexa parroquial de Padrón a aplicación web do camiño da Pedronía baseada no seu patrimonio oculto e nas experiencias sensoriais no marco dun turismo consciente que esta ruta histórica aporta ao camiñante. Este proxecto, coordinado pola empresa Latexos de Turismo, denomínase «Creando consciencia coa Pedronía» e desenvólvese ao abeiro das axudas do programa «O teu Xacobeo», impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A innegable tradición xacobea da igrexa de Santiago de Padrón xustifica a escolla do templo como lugar de presentación deste proxecto. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira e a Concelleira de Turismo, Lorena Couso Dopazo presidirán este acto, ao que tamén está convidada a poboación local padronesa e dos demais concellos do camiño da Pedronía. As saídas da Pedronía terán continuidade no ano 2020.

Á posta en marcha das aplicación web do camiño da Pedronía, dispoñible en tres idiomas, séguenlle as primeiras saídas a pé desde Compostela ata Padrón. A primeira saída, que tivo lugar o pasado sábado 12 de outubro, contou coa participación da veciñanza de Padrón e contorna e gozou de boa acollida. As persoas participantes percorreron os 25 quilómetros que unen Compostela e Padrón conectando coas emocións do camiño. Xa en Padrón, e tras visitar os lugares xacobeos, a Concelleira Lorena Couso fixo a entrega do diploma da Pedronia a todos os membros do grupo.

Xa se coñecen as datas xa confirmadas das próximas saídas da Pedronía: os días 19 de outubro e 7 de decembro do presente ano e os días 21 de marzo e 4 de abril de 2020. O prezo é de 9 euros por persoa e inclúe guía acompañante durante o percorrido, seguro e acreditación. A inscrición xa se pode realizar na oficina de turismo de Padrón. A axencia Viajes Alma Gaia con XG-535 baixo a marca comercial Galicia Es Más, será a encargada de introducir no mercado, posicionar e comercializar outras experiencias neste camiño da Pedronía.


Padrón desvela o segredo gardado na verdade do Camiño da Pedronía

Pedronía

Bota a andar unha nova aplicación web sobre a Pedronía baseada no patrimonio inmaterial deste Camiño de Santiago

A Concellaría de Turismo de Padrón presentará o venres 18 de outubro unha nova aplicación web para promocionar o Camiño de Santiago da Pedronía -de Compostela ata Padrón– mediante a divulgación de información sobre o seu patrimonio cultural no marco dun turismo consciente a través de mapas interactivos que permitan percibir esta ruta de peregrinaxe «con tódolos sentidos desde a alma e para a alma». Este proxecto denominado «Creando consciencia coa Pedronía» desenvólvese ao abeiro das axudas do programa «O teu Xacobeo», impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Baixo a coordinación da empresa Latexos de Turismo, a primeira fase do proxecto consistiu na realización de entrevistas e na gravación de vídeos e audios para recompilar información sobre lendas, mitos, crenzas, ritos, música, personaxes e outras curiosidades vinculadas co Camiño de Santiago da Pedronía. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Lorena Couso, dita información publicarase proximamente na aplicación web en tres idiomas para «incitar aos usuarios, fundamentalmente aos peregrinos, turistas e visitantes, a percorrer esta emocionante ruta e tamén para poñer en valor a riqueza deste patrimonio inmaterial que reflicte a idiosincrasia da comunidade local».

«Esta aplicación pretende dar visibilidade a toda esa información que actualmente non pode atoparse en ningunha guía nin páxina web e que cremos que debe ser transmitida e contada», indicou a concelleira.

 

O Concello de Padrón organiza unha experiencia de ocio no marco do turismo consciente

 

pedronia

Coa aplicación a piques de publicar, o vindeiro sábado 12 de outubro Padrón fai protagonista á poboación local dos concellos polos que pasa a Pedronía organizando «unha actividade de lecer de turismo consciente para que sexan os primeiros en coñecer o traballo executado». Porque grazas a eles foi posible realizar ese mapa emocional. A inscrición é de balde e está aberta na oficina de turismo de Padrón ata un máximo de 20 prazas.

Logo desta primeira experiencia de turismo consciente na Pedronía, a axencia Viajes Alma Gaia con XG-535 baixo a marca comercial Galicia Es Más, será a encargada de introducir no mercado, posicionar e comercializar outras experiencias neste camiño da Pedronía. Proximamente serán publicadas as datas para outras saídas.

«O obxectivo final de todas as accións que estamos a desenvolver é acadar o recoñecemento oficial deste Camiño de Santiago da Pedronía, o que suporía un pulo definitivo para ao despegue do sector turístico en Padrón creando produto de turismo consciente no marco das novas tendencias do turismo internacional», concluíu Lorena Couso.