Latexos de turismo - Ir a Inicio

E van 20 anos… que naceu o Hotel Costa Vella

Hoxe vou contar unha historia que comezaba hai 20 anos… 

hotel-costa-vella
Foto: casa no ano 1998 do que é hoxe o ©Hotel Costa Vella

E van 20 anos… que emerxía un novo concepto de aloxamento en Compostela.  Pero isto do novo concepto daba igual… un gran visionario do sector do turismo de cuna hostaleira abría un pequeno hotel na zona vella desta cidade peregrina. Poucos cuartos… trece máis un…

E van 20 anos….  que José Antonio Liñares non dubidou nin por un intre do que lle dicía o seu corazón e apostou polo que sería o primeiro hotel con encanto de moitos en Santiago de Compostela. Esta pequena casa vella tiña un tesouro oculto… un corazón verde… un xardín histórico ao pé da antiga muralla do casco vello por unha das súas entradas: na Porta da Pena.

Xardín do ©Hotel Costa Vella hai 20 anos… (ano 2000)

E van 20 anos… daquela longa etapa traballando man a man con Toño… cantas horas aprendendo… con el descubrín a Paco Nadal e a Fernando Gallardo  e moito, moito, moito máis… Atopeime a min mesma e souben o que quería nesta vida.

E van 20 anos… de aprendizaxes que me marcarían como este consello que nos daba: se nos primeiros momentos de petición de reserva vos dan moitas voltas (por escribilo de xeito correcto), facede o posible para que non reserven porque se veñen darán problemas ata que saian pola porta… Non fallaba… Que consello tan sabio! Vixente a día de hoxe!

E van 20 anos…! Grazas Toño, José Antonio, Liñares… fuches o meu mentor e  grazas á túa profesionalidade e calidade humana puiden ir medrando no mundo do turismo e ser o que hoxe son… ou non son… (que responsabilidade!)

E van 20 anos… que este lugar acolle a todas as xentes… sen categorizar, sen diferenciar… ACOLLE esa gran familia do Hotel Costa Vella: Toño, Ana, Rober, as Marías, Susana…  Un capitán coñecedor da resiliencia inda sen estar o concepto de moda que co paso do tempo soubo ir adaptando o seu barco… e que sen dúbida, saberá reinventarse e quen sabe… igual crear outro concepto acorde a este novo paradigma no que estamos entrando… E quen sabe… Igual dentro doutros 20 anos volveremos a escribir… “E van 20 anos…”

Moito ánimo a tod@s os compañeir@s do sector, o meu corazón 💛 latexa con vós

 

Scroll al inicio
Ir al contenido