E van 20 anos… que naceu o Hotel Costa Vella

Hoxe vou contar unha historia que comezaba hai 20 anos… 

hotel-costa-vella

Foto: casa no ano 1998 do que é hoxe o ©Hotel Costa Vella

E van 20 anos… que emerxía un novo concepto de aloxamento en Compostela.  Pero isto do novo concepto daba igual… un gran visionario do sector do turismo de cuna hostaleira abría un pequeno hotel na zona vella desta cidade peregrina. Poucos cuartos… trece máis un…

E van 20 anos….  que José Antonio Liñares non dubidou nin por un intre do que lle dicía o seu corazón e apostou polo que sería o primeiro hotel con encanto de moitos en Santiago de Compostela. Esta pequena casa vella tiña un tesouro oculto… un corazón verde… un xardín histórico ao pé da antiga muralla do casco vello por unha das súas entradas: na Porta da Pena.

Xardín do ©Hotel Costa Vella hai 20 anos… (ano 2000)

E van 20 anos… daquela longa etapa traballando man a man con Toño… cantas horas aprendendo… con el descubrín a Paco Nadal e a Fernando Gallardo  e moito, moito, moito máis… Atopeime a min mesma e souben o que quería nesta vida.

E van 20 anos… de aprendizaxes que me marcarían como este consello que nos daba: se nos primeiros momentos de petición de reserva vos dan moitas voltas (por escribilo de xeito correcto), facede o posible para que non reserven porque se veñen darán problemas ata que saian pola porta… Non fallaba… Que consello tan sabio! Vixente a día de hoxe!

E van 20 anos…! Grazas Toño, José Antonio, Liñares… fuches o meu mentor e  grazas á túa profesionalidade e calidade humana puiden ir medrando no mundo do turismo e ser o que hoxe son… ou non son… (que responsabilidade!)

E van 20 anos… que este lugar acolle a todas as xentes… sen categorizar, sen diferenciar… ACOLLE esa gran familia do Hotel Costa Vella: Toño, Ana, Rober, as Marías, Susana…  Un capitán coñecedor da resiliencia inda sen estar o concepto de moda que co paso do tempo soubo ir adaptando o seu barco… e que sen dúbida, saberá reinventarse e quen sabe… igual crear outro concepto acorde a este novo paradigma no que estamos entrando… E quen sabe… Igual dentro doutros 20 anos volveremos a escribir… “E van 20 anos…”

Moito ánimo a tod@s os compañeir@s do sector, o meu corazón 💛 latexa con vós

 


Saborea Padrón e vive Padrón!

Un ano máis (e xa van 7), chega o Saborea Padrón entre o 6 e o 15 de outubro (día 12 incluído).

Petiscos, gastronomía en miniatura para degustar os mellores produtos da terra

saborea-padron

 

Que locais participan?

Saborea Padrón. 11 locais, 11 xeitos de saborear Padrón: Café Bar As Camelias (Delicias do Camiño), Cafetería Alfolí (A tosta do Camiño), Cafetería Bámbola (O mirador do Camiño), Café Cultural Airiños (A cuncheira), Café Século XX (Traslatio), Central Perk (Pasiño a pasiño), O Alpendre (A Quintana), O Secreto (A Cunca do Peregrino), O Secreto do Viño (Pan e viño axudan a facer o Camiño), Retro Visor (Rolling Stone) e Ruta Xacobea (HIC FUIT).

Que actividades haberá?

Mais non soamente de comer se trata, senón que tamén haberá actividades, varias delas de balde. O domingo 8 de outubro haberá unha visita guiada ao Convento de Herbón (con reserva previa) e o sábado 14 ás 17.00 h. unha andaina etnobotánica na que unha bióloga nos explicará os beneficios que teñen para a nosa saúde as plantas que medran ás beiras dos camiños. Tamén é precisa reserva previa. Outra actividade que se levará a cabo, é unha andaina de máis de 20 km. para coñecer o Camiño Sagrado, Pedronía. O día 12 de outubro, e cun prezo que vai desde o 33 € dependendo dos servizos reservados.

E cales son os premios?

Saborea Padrón é un concurso, e como tal, haberá premios para o local gañador de entre os participantes que será escollido polo voto das persoas que vaian degustar os petiscos aos locais. Os usuarios deberán coller un pasaporte e poñer o selo do local onde coma a tapa, e depositalos ao final do concurso nas urnas que hai nos establecementos participantes.

Os usuarios dos pasaportes que teñan 3 selos ou máis, entrarán no sorteo de varios vales económicos (4 en total) en nun premio especial que consiste nunha estancia no Hotel Semáforo de Fisterra ou no regalo dunha caixa de experiencias tipo Plan B ou Dakota Box.

Como podo participar?

Para o concurso o pasaporte pódese recoller na Oficina de Turismo de Padrón, ou nos locais participantes; tamén o podes descargar neste enlace. Para entrar no sorteo dos premios, selar nun mínimo de 3 locais. E por suposto, pagar 2€ por cada tapa que pidas!

Moi sinxelo, non sí? Agardámoste saboreando Padrón!


Galicia es +: receptivo de Galicia

presentacion_Galiciaesmas

Galicia es +. Un proxecto que nace hai varios anos; de xeito consciente por parte de María Luisa Ferreiro Veiga, e de maneira inconsciente pola miña parte. Ambas paralelamente e por separado, fomos dando pequenos pasos e dando forma a un soño, unha idea, unha misión de vida… Que culminou hai pouco máis de un ano cando o destino quixo que nos unísemos para crear unha nova realidade: Galicia es +.

Comezamos así a remar xuntas para dar forma a este receptivo de Galicia: un xestor do territorio que como define o nos compañeiro Juan: ofrece experiencias ao viaxeiro co faro do turismo sustentable, a diversidade e o respeto ao patrimonio da nosa terra.

Nace así, unha comunidade de axentes (de persoas) onde teñen cabida todas as empresas e profesionais que conten coa mesma filosofía de traballo, de vida… Que queiran traballar para protexer e presentar a nosa “Galicia con alma” a ese viaxeiro ávido por descubrir a esencia, a ialma de Galicia (como dicía Rosalía de Castro); a autenticidade, a nosa identidade a través da natureza, a paisaxe, o patrimonio, a cultura, a etnografía, a música, a poesía, o folclore, a danza, a artesanía… con NÓS a súa xente!!.

Galicia es +. Un proxecto que ten un anaquiño de moitas persoas en presencia ou en espírito, familia e amigos; expertos colaboradores cos que traballamos en rede, grazas por remar por este proxecto coa mesma decisión e empeño que nós mesmas: Javier, Inés, Xabier, Mariangeles, Patrciai, Montse e Jesús, Jerry e Luisa, Chiruca, Martina e Alberto, Lucía, Mónica, Susana, Carlos, Turigrino, Coworking Dalle q Dalle, Museo das Peregrinacións de Santiago, Comunidade Franciscana… GRAZAS.

O día 21 de xuño, presentamos Galicia es + e os Camiños Sagrados no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Galicia es +, xa é unha realidade común, unha comunidade.