Baixoulla.gal: patrimonio, territorio e paisaxe

baixoulla

O patrimonio do Baixo Ulla visible online! 

Hai un tempo estivemos na presentación dun sitio web no que se recompilan os elementos patrimoniais, naturais e paixasísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesues, Rianxo e Valga.

A Asociación Cultural Os Penoucos, entidade que forma parte da Rede do Patrimonio Cultural, impulsou un proxecto colaborativo “obaixoulla.gal – patrimonio + territorio + paisaxe”. Un sitio web de software libre onde se poden visualizar todos os elementos en diferentes formatos e de xeito gratuíto.

Os usuarios podemos atopar información dos recursos a través de filtros, visible do seguinte xeito: código interno, denominacións, tipoloxía, cronoloxía, concello, parroquia, lugar, acceso a pé, galería de imaxes, conservación, protección, referencias, xeolocalización.

patromonio-baixoulla

Dende Latexos de Turismo damos os parabéns por esta excelente iniciativa e desexamos que se manteña viva por moitos anos… Un traballo que pon en valor os elementos que identifican e diferencian un territorio do outro. Membros da asociación animan a que entre todos colaboremos na actualización e na creación de novos contidos.

Ata o próximo latexo!


Feira de turismo ou bolsa de contratación?

Un ano máis o pasado sábado 23 de febreiro saín da casa disposta a asistir ó III Salón turístico de Galicia, Turexpo 2013. É certo que non ía coas expectativas elevadas tras asistir outros anos e logo de escoitar  comentarios de persoas que  asistiran o venres, pero como formaba parte da organización das xornadas técnicas non me quedo doutra que asistir.

Un punto a favor da organización foi a sinalización, pois na propia saída da autoestrada había un cartel indicando a dirección do recinto. Ben!!

Ó chegar ó recinto, xa non estaban tan ben indicados os sitios para aparcar, pero non había problema pois había espazo de abondo. A primeira impresión ó ver tales naves baleiras e sen atopar a ningunha persoa, foi de tristura, a pesar de que o día se mostraba soleado.  Atopar tendas de roupa de saldo, xusto antes da entrada principal, tampouco axudou a mellorar a imaxe, pois quedaba claro que  “feira” había máis non se sabía moi ben de qué.

Turexpo_2013

Turexpo 2013
Autor: Marta Glez. Sellán.

Unha vez pasada a porta de entrada, a imaxe cambiou (menos mal). Nada máis entrar, atopamos xa un stand cheo de xente e vida, e xusto á beira un estrado onde se facían as presentacións. A pesar de non ser o sitio máis axeitado, polo menos animaba a vista ó entrar no recinto.

Pese a que había algún que outro stand animado e con contido, a maioría deles estaban baldeiros: simplemente tiñan o nome do hotel en cuestión. A maioría sen xente e cunha simple mesa; outros, baleiros completamente.

Había algún que outro  stand importante de contido, como os dedicados ás granxas – escola, o do Morrazo que ofrecía degustacións de mexillóns, a taberna ecolóxica de O Santiso, ou a do novo Consorcio Terras de Iria que me pareceu do máis interesante.

Outros puntos de éxito foron as autocaravanas, e a exposición de autobuses.

Da relación “calidade – prezo” da comida que se ofreceu na cafetería do recinto, mellor non opinar.

Chamamento á reflexión (dende o punto de vista turístico). Ten algún sentido facer unha feira así? Unha feira de turismo de Galicia, para Galicia? Cales son os propósitos? Cumpríronse? Non sería mellor (e se aforrarían moitos cartos) facer unha bolsa de contratación “en condicións” e punto?  Qué facían tantos stands baldeiros sen “nada” que mostrar nin ofrecer? Moitas preguntas de difícil resposta.

Remato afirmando que este conto é un segredo a voces e que facer salóns de turismo está moi ben, pero sempre con sentido. Hai que innovar, pensar, evolucionar.

Insisto, é a humilde opinión dunha traballadora do sector do turismo que asistiu a Turexpo 2013.