Latexos de turismo - Ir a Inicio

Reue, Bandua, Nauia, Cossue… Vento e Chuvia, moito máis ca un libro.

Alguén pode pensar nun turismo sen fondo cultural? Porque turismo é cultura, dedico estas liñas a un proxecto prometedor.

A semana pasada tiven a ocasión de asistir á presentación dun libro; ou máis ben, dun proxecto, posto que Vento e Chuvia e moito máis ca un libro.

Un proxecto así, non podía ter umha presentación normal, como a que estamos acostumados. Foi, todo un espectáculo. A Igrexa da Universidade da USC, estaba totalmente ambientada e contextualizada para a ocasión: un lugar cheo de cadeiras divididas por un estreito corredor, rodeadas de paneis con bosquexos das ilustracións do libro; pois tal e como nos contou Manel Cráneo logo, foron bosquexos iniciais que non se corresponden coas ilustracións definitivas, posto que se foron completando e transformando a medida que se desenvolvía a propia historia do libro.

Vento_e_Chuvia_Manuel_Gago
Bosquexos do libro  Vento e Chuvia. Foto de: Matibascorner.

Ao fondo, podíase ver o altar transformado nun palco de representación teatral. Cunha luz tenue, e rodeados de Santos, o ambiente era ideal para contar historias de Deuses… E así foi. Logo da introdución oficial do libro e dos agradecementos, por parte de Marco García Quintela, Manuel Gago, e Manel Cráneo, puidemos escoitar unha serie de contos da man dos actores Soledad Felloza, Belen Costenla, Anabel Gago e Avelino González.

O libro, Vento e Chuvia, é moit máis ca un libro tal e como podemos ver na súa web. No libro virá un código o cal permitirá acceder a unha intranet da web que será todo un mundo paralelo. Haberá (creo lembrar) dúas historias inéditas, información sobre a elaboración do libro, dos sitios que visitaron, e incluso roteiros para descargar e poder facelos. E tamén conversas entre Manuel Gago e Manuel Cráneo!! (desexando escoitalas). Outra parte importante da web, é a parte didáctica, académica que desenvolverá a partir do ano que vén, no que haberá material para que a xente de Secundaria e posiblemente os máis pequenos podan aprender máis da Idade do Ferro, esa gran descoñecida.

Dicir, que foi toda unha experiencia, unha presentación PECULIAR e ORIXINAL. Dende o meu punto de vista, o libro é soamente unha pequena parte dun grande proxecto tal e como parece que será. Un libro é algo material, concreto; algo que normalmente remata cando chegas ó final (a non ser que teña máis partes e a historia continúe, claro). Pero Vento e chuvia non vai rematar no libro, senón que na parte da intranet teremos a posibilidade de estar en contacto os lectores e apaixonados destes Deuses da Idade do Ferro. Parte importante tamén, é a académica que desenvolverán cos estudantes, pois tal e como se comentou onte somos uns grandes descoñecidos da nosa cultura galega.

Para rematar,  teremos que andar á procura de  Manuel Gago, para que nos escriba uns códigos secretos e poder acceder a outra parte da web segreda…

Vento e Chuvia,

Historias de deuses que viven, que nacen, choran, aman, sangran, viaxan de monte en bosque, e das illas ás costas

Reue, Bandua, Nauia, Cossue 

Vento_e_Chuvia_Manuel_Gago
Presentación de Vento e Chuvia. Foto de Matibascorner.
Scroll al inicio
Ir al contenido