Padrón desvela o segredo gardado na verdade do Camiño da Pedronía

Pedronía

Bota a andar unha nova aplicación web sobre a Pedronía baseada no patrimonio inmaterial deste Camiño de Santiago

A Concellaría de Turismo de Padrón presentará o venres 18 de outubro unha nova aplicación web para promocionar o Camiño de Santiago da Pedronía -de Compostela ata Padrón– mediante a divulgación de información sobre o seu patrimonio cultural no marco dun turismo consciente a través de mapas interactivos que permitan percibir esta ruta de peregrinaxe «con tódolos sentidos desde a alma e para a alma». Este proxecto denominado «Creando consciencia coa Pedronía» desenvólvese ao abeiro das axudas do programa «O teu Xacobeo», impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Baixo a coordinación da empresa Latexos de Turismo, a primeira fase do proxecto consistiu na realización de entrevistas e na gravación de vídeos e audios para recompilar información sobre lendas, mitos, crenzas, ritos, música, personaxes e outras curiosidades vinculadas co Camiño de Santiago da Pedronía. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Lorena Couso, dita información publicarase proximamente na aplicación web en tres idiomas para «incitar aos usuarios, fundamentalmente aos peregrinos, turistas e visitantes, a percorrer esta emocionante ruta e tamén para poñer en valor a riqueza deste patrimonio inmaterial que reflicte a idiosincrasia da comunidade local».

«Esta aplicación pretende dar visibilidade a toda esa información que actualmente non pode atoparse en ningunha guía nin páxina web e que cremos que debe ser transmitida e contada», indicou a concelleira.

 

O Concello de Padrón organiza unha experiencia de ocio no marco do turismo consciente

 

pedronia

Coa aplicación a piques de publicar, o vindeiro sábado 12 de outubro Padrón fai protagonista á poboación local dos concellos polos que pasa a Pedronía organizando «unha actividade de lecer de turismo consciente para que sexan os primeiros en coñecer o traballo executado». Porque grazas a eles foi posible realizar ese mapa emocional. A inscrición é de balde e está aberta na oficina de turismo de Padrón ata un máximo de 20 prazas.

Logo desta primeira experiencia de turismo consciente na Pedronía, a axencia Viajes Alma Gaia con XG-535 baixo a marca comercial Galicia Es Más, será a encargada de introducir no mercado, posicionar e comercializar outras experiencias neste camiño da Pedronía. Proximamente serán publicadas as datas para outras saídas.

«O obxectivo final de todas as accións que estamos a desenvolver é acadar o recoñecemento oficial deste Camiño de Santiago da Pedronía, o que suporía un pulo definitivo para ao despegue do sector turístico en Padrón creando produto de turismo consciente no marco das novas tendencias do turismo internacional», concluíu Lorena Couso.