Padrón desvela o segredo gardado na verdade do Camiño da Pedronía

Pedronía

Bota a andar unha nova aplicación web sobre a Pedronía baseada no patrimonio inmaterial deste Camiño de Santiago

A Concellaría de Turismo de Padrón presentará o venres 18 de outubro unha nova aplicación web para promocionar o Camiño de Santiago da Pedronía -de Compostela ata Padrón– mediante a divulgación de información sobre o seu patrimonio cultural no marco dun turismo consciente a través de mapas interactivos que permitan percibir esta ruta de peregrinaxe «con tódolos sentidos desde a alma e para a alma». Este proxecto denominado «Creando consciencia coa Pedronía» desenvólvese ao abeiro das axudas do programa «O teu Xacobeo», impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Baixo a coordinación da empresa Latexos de Turismo, a primeira fase do proxecto consistiu na realización de entrevistas e na gravación de vídeos e audios para recompilar información sobre lendas, mitos, crenzas, ritos, música, personaxes e outras curiosidades vinculadas co Camiño de Santiago da Pedronía. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Lorena Couso, dita información publicarase proximamente na aplicación web en tres idiomas para «incitar aos usuarios, fundamentalmente aos peregrinos, turistas e visitantes, a percorrer esta emocionante ruta e tamén para poñer en valor a riqueza deste patrimonio inmaterial que reflicte a idiosincrasia da comunidade local».

«Esta aplicación pretende dar visibilidade a toda esa información que actualmente non pode atoparse en ningunha guía nin páxina web e que cremos que debe ser transmitida e contada», indicou a concelleira.

 

O Concello de Padrón organiza unha experiencia de ocio no marco do turismo consciente

 

pedronia

Coa aplicación a piques de publicar, o vindeiro sábado 12 de outubro Padrón fai protagonista á poboación local dos concellos polos que pasa a Pedronía organizando «unha actividade de lecer de turismo consciente para que sexan os primeiros en coñecer o traballo executado». Porque grazas a eles foi posible realizar ese mapa emocional. A inscrición é de balde e está aberta na oficina de turismo de Padrón ata un máximo de 20 prazas.

Logo desta primeira experiencia de turismo consciente na Pedronía, a axencia Viajes Alma Gaia con XG-535 baixo a marca comercial Galicia Es Más, será a encargada de introducir no mercado, posicionar e comercializar outras experiencias neste camiño da Pedronía. Proximamente serán publicadas as datas para outras saídas.

«O obxectivo final de todas as accións que estamos a desenvolver é acadar o recoñecemento oficial deste Camiño de Santiago da Pedronía, o que suporía un pulo definitivo para ao despegue do sector turístico en Padrón creando produto de turismo consciente no marco das novas tendencias do turismo internacional», concluíu Lorena Couso.


«Creando consciencia coa Pedronía» novo traballo coordinado por Latexos de Turismo

pedronia

A Concellaría de Turismo de Padrón está a traballar na elaboración dunha nova aplicación web para promocionar o Camiño de Santiago da Pedronía -de Compostela ata Padrón- mediante a divulgación de información sobre o seu patrimonio cultural a través de mapas interactivos que permitan percibir esta ruta de peregrinaxe «con tódolos sentidos e desde a alma e para a alma». Este proxecto denominado «Creando consciencia coa Pedronía» desenvólvese ao abeiro das axudas do programa «O teu Xacobeo», impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Baixo a coordinación da empresa Latexos de Turismo, a primeira fase do proxecto consistirá na realización de entrevistas e a gravación de vídeos e audios para recompilar toda a información posible sobre lendas, mitos, crenzas, ritos, toponimia, oficios tradicionais, música da época, personaxes e outras curiosidades vinculadas co Camiño de Santiago da Pedronía. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Lorena Couso, dita información publicarase na aplicación web para «incitar aos usuarios, fundamentalmente aos peregrinos, turistas e visitantes, a percorrer esta emocionante ruta e tamén para poñer en valor a riqueza deste patrimonio inmaterial que reflicte a idiosincrasia da comunidade local».

«O proxecto pretende darlle visibilidade a toda esa información que actualmente non pode atoparse en ningunha guía nin páxina web e que cremos que debe ser transmitida e contada», indicou a concelleira. Ademais, avanzou que este proxecto introducirá no mercado turístico «unha actividade de lecer de turismo consciente», que estará dixirida a públicos moi diversos: singles, familiar, turismo senior, millennials, deportistas, de retiro, etc. A encargada de introducir no mercado estas actividades e de posicionalas e comercializadas será a axencia Viajes Alma Gaia, baixo o nome comercial Galicia Es Más.

«O obxectivo final de todas as accións que estamos a desenvolver é acadar o recoñecemento oficial deste Camiño de Santiago da Pedronía, o que suporía un pulo definitivo para ao despegue do sector turístico en Padrón», concluíu Lorena Couso.

Nota de Prensa publicada polo Concello de Padrón


Saborea Padrón, oitava edición das xornadas gastronómicas

Saborea-Padron

Entre os días 5 e 14 de outubro as persoas que se acheguen a Padrón terán a posibilidade de degustar  as tapas do concurso a un prezo de 2 euros  -consumicións aparte- elaboradas seguindo a temática do Camiño de Santiago.

Na páxina web do evento poden consultarse os establecementos e as tapas que ofrecen, así coma o horario: Central Perk (A barquiña de pedra), O Secreto (Échale huevos al Camino), O Secreto do Viño (Las vueltas del Camino), Chef Rivera (Sorpresas en el Camino), Ruta Xacobea (Ruteira), Café Cultural Airiños (Hamburguesa Peregrina), Café Bar As Camelias (O repouso do pelegrín), Retro Visor (A última e-tapa), Alpendre (O Toural) e Café Século XX (Tella do país).

Aquelas persoas que selen o pasaporte, participarán no sorte de:

  • (3 selos) Un vale de 100 euros para consumicións no establecemento gañador e de 3 vales de 50 euros cada un para consumicións nun dos locais participantes
  • (10 selos dos 10 establecementos participantes)  entrarán no sorteo dun premio especial a escoller entre o aloxamento dunha noite con almorzo para dúas persoas no hotel O Semáforo de Fisterra -inclúe queimada- ou no aloxamento para dúas persoas nunha casa rural do Courel, con almorzo e excursión con guía especializado en natureza.

Ademais do premio á mellor tapa que outorgará o público e que constará dunha placa para o establecemento gañador, dun diploma acreditativo, da participación cunha actividade no «Saborea Padrón» de 2019 e na posibilidade de representar a Padrón en eventos gastronómicos doutros concellos, tamén haberá un xurado encargado de avaliar cal é a mellor tapa; neste caso, o establecemento gañador recibirá un trofeo que poderá expor no seu local ata as xornadas gastronómicas do ano seguinte.

Actividades en Padrón durante o Saborea Padrón

Sábado 6 de outubro, gratuítas para asistentes, previa inscrición na Oficina de Turismo para as dúas primeiras (turismo@padron.gal ou 646593319)

  • Ás 9.00 horas terá lugar a ruta «Recunchos do Ullar e Sar», do programa Goza do Ulla
  • Ás 17.30 horas realizarase unha visita guiada por Padrón
  • Ás 20.30 horas actuará na igrexa parroquial de Santiago de Padrón o Cuarteto Romántico Ekaterimburgc, de Rusia

Venres 12 de outubro

  • Pedronía: Camiño de Santiago a pé desde Compostela ata Padrón pola ruta antiga ou Camiño Sagrado. O prezo desta actividade é de 17 euros e inclúe un guía acompañante e seguro e aquelas persoas interesadas deberán apuntarse en reservas@galiciaesmas.com ou no teléfono 676814674.

Sábado 13 de outubro,

  • Ás 11.00 horas realizarase a ruta etnobotánica en Herbón «Remedios dos Camiños», que incluirá unha visita ao convento de Herbón guiada por un integrante da da comunidade franciscana e un paseo pola Ruta do Pemento de Herbón, guiada por un experto en plantas. Esta actividade, para a que hai que inscribirse na Oficina de Turismo, ten un custo de dous euros e inclúe a ruta guiada, a visita ao convento, unha mochila e a tapa gañadora do Saborea Padrón de 2017.
  • Ás 17.30 horas, está prevista outra visita guiada por Padrón, tamén de balde para os asistentes que se inscriban na Oficina de Turismo.

Para as persoas que queiran aloxarse en Padrón durante a xornada, desde Galicia es mas ofrecen escapadas con prezos desde 57€ por persoa (incluíndo actividades e tapa do Saborea Padrón).