Latexos de turismo - Ir a Inicio

Feira de turismo ou bolsa de contratación?

Un ano máis o pasado sábado 23 de febreiro saín da casa disposta a asistir ó III Salón turístico de Galicia, Turexpo 2013. É certo que non ía coas expectativas elevadas tras asistir outros anos e logo de escoitar  comentarios de persoas que  asistiran o venres, pero como formaba parte da organización das xornadas técnicas non me quedo doutra que asistir.

Un punto a favor da organización foi a sinalización, pois na propia saída da autoestrada había un cartel indicando a dirección do recinto. Ben!!

Ó chegar ó recinto, xa non estaban tan ben indicados os sitios para aparcar, pero non había problema pois había espazo de abondo. A primeira impresión ó ver tales naves baleiras e sen atopar a ningunha persoa, foi de tristura, a pesar de que o día se mostraba soleado.  Atopar tendas de roupa de saldo, xusto antes da entrada principal, tampouco axudou a mellorar a imaxe, pois quedaba claro que  “feira” había máis non se sabía moi ben de qué.

Turexpo_2013
Turexpo 2013
Autor: Marta Glez. Sellán.

Unha vez pasada a porta de entrada, a imaxe cambiou (menos mal). Nada máis entrar, atopamos xa un stand cheo de xente e vida, e xusto á beira un estrado onde se facían as presentacións. A pesar de non ser o sitio máis axeitado, polo menos animaba a vista ó entrar no recinto.

Pese a que había algún que outro stand animado e con contido, a maioría deles estaban baldeiros: simplemente tiñan o nome do hotel en cuestión. A maioría sen xente e cunha simple mesa; outros, baleiros completamente.

Había algún que outro  stand importante de contido, como os dedicados ás granxas – escola, o do Morrazo que ofrecía degustacións de mexillóns, a taberna ecolóxica de O Santiso, ou a do novo Consorcio Terras de Iria que me pareceu do máis interesante.

Outros puntos de éxito foron as autocaravanas, e a exposición de autobuses.

Da relación “calidade – prezo” da comida que se ofreceu na cafetería do recinto, mellor non opinar.

Chamamento á reflexión (dende o punto de vista turístico). Ten algún sentido facer unha feira así? Unha feira de turismo de Galicia, para Galicia? Cales son os propósitos? Cumpríronse? Non sería mellor (e se aforrarían moitos cartos) facer unha bolsa de contratación “en condicións” e punto?  Qué facían tantos stands baldeiros sen “nada” que mostrar nin ofrecer? Moitas preguntas de difícil resposta.

Remato afirmando que este conto é un segredo a voces e que facer salóns de turismo está moi ben, pero sempre con sentido. Hai que innovar, pensar, evolucionar.

Insisto, é a humilde opinión dunha traballadora do sector do turismo que asistiu a Turexpo 2013.

 

Scroll al inicio
Ir al contenido