Reflexións sobre o III Foro de Rehabilitación en Riaxo: ‘Da intuición ao coñecemento…’

foro-apatrigal

Hai unhas semanas vivía outro deses momentos que te fan sentir viva… de feito, parte do título é unha das frases que recollín nesas xornadas.

Foi durante a celebración do III Foro de Rehabilitación en Rianxo organizado por APATRIGAL (Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego); asociación que naceu recentemente, e da que hoxe anunciamos que xa formamos parte con moita, moita ilusión.

Nunha primeira lectura do cartel pode parecer que os relatorios son de arquitectos, e podemos caer no erro de pensar… que ten que ver co turismo? Pois moito. Hoxe, hai poucas cousas que nada teñan que ver co turismo…o turismo ten que ver con todo. Neste caso, a arquitectura é patrimonio, e o patrimonio significa conservación, rehabilitación, coidado, posta en valor… cultura. E a cultura é un piar fundamental, do turismo. E cada vez máis… os viaxeiros (que xa non turistas) buscan a autenticidade dun destino, e iso reside na cultura, indiosincrasia do lugar, no contacto coa poboación local…

Introducido o tema, falar un pouco das miñas percepcións e experiencias ao escoitar falar a varios persoeiros do eido da arquitectura en Galicia…

O primeiro foi Óscar López Alba de OLA Studio… un pracer escoitar tanta sinceridade e transparencia. Trouxo unha presentación do máis singular, onde facía un paralelismo entre os pratos dun menú de comida con obras de rehabilitación.

Falounos de varios traballos que levou a cabo: oficina de turismo de Sarria, varios albergues do Camiño de Santiago, obras no Mosteiro de San Clodio, rehabilitación do Hotel Comercio en Monforte, ou a Praza de Abastos de Lugo. Pódese ver información na súa web (acabo de descubrir un ante-proxecto dun spa nun faro!!!!) Recoméndovos que entredes a ler os textos que hai escritos… sen comentarios.

O seguinte en falar foi César Portela. Horas e horas poderíamos estar falando dos seus traballos… ese día mostrounos as súas obras en Pazo Baión, Illas de San Simón e San Antonio, Museo de Mar de Vigo, Igrexa da Peregrina de Pontevedra, Cemiterio de Fisterra e o que máis me impactou persoalmente e me emocionou: o Plan Reitor da Illa de Sálvora. Un proxecto que deseñou que esperamos poda ver a luz pronto; contempla  a restauración da aldea, e con usos dirixidos principalmente a turismo didáctico e á investigación. Eu engadiría… e retiros…

Esa tarde, non puido rematar mellor… cunha visita á ‘Aldea maldita de Castelao’. Porque parte da nosa cultura e do noso patrimonio (inmaterial) son contos, lendas… coma a que xira ao redor desta aldea de Rianxo. Parece que hai un programa gravado por Cuarto Milenio…

QuintandonaNo segundo día, só puiden estar no relatorio de X.M. Vázquez Mosquera e Carme Calatayud que nos mostraron varias obras nas que interviñeron: Plan Especial de Protección de As Burgas en Ourense, a conservación do Lavadoiro Público de Betanzos, e do Palco de Betanzos. O relator conseguiu transportarnos a cada un deses lugares e fíxonos partícipes de cada historia… sentindo e emocionándonos con cada diapositiva e explicación.

Outro relatorio no que me foi imposible estar, e de seguro foi do máis sensible e auténtico, a presentación como caso de éxito da aldea rural de Quintandona en Portugal no concello de Penafiel. É unha aldea típica restauranda que mantén a autenticidade a a esencia da cultura da vila antiga a través da arquitectura, da paisaxe agrícola e forestal.  As casas da aldea foron habilitadas para establecementos turísticos:   a Casa do Aguieiro,-Casa do Campo, o Winebar Casa da Viúva, a Casa Valsixto-Country House e a Vizinha da Viúva-Country House. Conta tamén cun Centro de Interpretación, Centro BTT e Centro Cultural. E non pode faltar, unha festa tradicional na aldea: A Festa do Caldo de Quintandona. Unha festa adicada á gastronomía local e á cultura tradicional portuguesa, permormance, artesanía… do 16 ao 18 de setembro. Unha aldea-refuxio situada na Ruta do Románico, na Ruta do Viño Verde e moi preto de tres lugares Patrimonio da Humanidade: Centro histórico de Porto, Centro histórico de Guimaraes e Rexión de Viñedos de Alto Douro.

Como vedes, unhas xornadas marcadas pola paixón á nosa cultura galega por parte dos relatores, organizadores, e tamén asistentes…  Remato cunhas frases que recollín e que recomendo mirar con diferentes olladas, ir máis alá da arquitectura, porque comunican coa alma…

  • ‘De la intuición al conocimiento’
  • ‘Los edificios siguen conservando su vida’
  • ‘Generar atmósfera, crear ambiente’
  • ‘Dar protagornismo a los más humildes, más débiles’
  • ‘Poesía para el lugar…’ (falando de San Clodio)
  • ‘El árbol soporta el cristal del techo y es la energía… genera espacio, crea atmósfera’ (en San Clodio)
  • ‘Hai que sentar a base, se non hai base, non se pode medrar’
  • ‘Hai que entender a cidade’’
  • ‘A elegancia do cotiá’
  • ‘O coñecemento da circunstancia é a inspiración para o traballo’

A miña preferida: ‘Hai que borrar para ver máis o mar e menos as farolas’

Dende Latexos de Turismo agradecer á organización pola súa acollida, darlle os parabéns e que esperamos vernos na IV Edición o ano que vén! Desculpade os expertos en arquitectura se hai algún mal uso dos términos técnicos.

Ata o próximo Latexo!!


Nace APATRIGAL: Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego

asociacion-apatrigal

O 3 de xuño presentábase en Compostela a Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego no Hotel Oca Puerta del Camino.

Coma en moitas outras ocasións asistín a un acto de presentación para ver que nos contaban e recoller información. Ao chegar ese día, facilitáronnos unha folla con contido suficiente para entender a misión de APATRIGAL. Recollía  ‘‘exposición de motivos’, os medios sociais nos que está presente, as áreas de interpretación do patrimonio cultural,  así coma os nomes dos socios fundadores: 11 persoas de diferentes ámbitos profesionais (arqueólogo, arquitecto, antrópologo, xeógrafo…). Entre eles, o coñecido académico e profesional do paixasismo e xeógrafo Miguel Pazos Otón. Primeiro sinal de que ía en serio a asociación.

Nese acto de presentación oficial, estiveron presentes: O Tenente Alcalde de Santiago de Compostela, o representante da Consellería de Cultura, o  Presidente de Apatrigal Carlos Henrique Fernández Coto, o Representante da FEGAMP, e representante do Arcebispado de Santiago de Compostela. Por quendas, falaron un pouco máis sobre a asociación, e debullaron algúns dos obxectivos.  Outro sinal de que se presentaba algo importante: a prensa non estaba presente así o reclamaron dende a organización, sen comentarios. A quen lle interesa a difusión da defensa do noso patrimonio ¿?

asociacion-defensa-patrimonio-galego-apatrigalO obxectivo principal de APATRIGAL é ‘a defensa, concienciación, difusión, valorización e investigación do patrimonio cultural galego, axudando a transmitilo nas mellores condicións posibles ás xeracións futuras

Como? Usando como medio de difusión os medios sociais; organizando xornadas, roteiros, mesas de debate, convocando premios; e sendo un órgano asesor, mediador cultural e de denuncia para que a sociedade galega poda reclamar con seguridade, evitando facelo de xeito individual; así como un organismo consultor que emita informes. APATRIGAL pretende ser unha ponte entre a administración e a sociedade.

Motivos de creación de APATRIGAL? Esta asociación nace para defender e protexer o noso patrimonio material e inmaterial: paisaxe, arquitectura, arqueoloxía, costumes, música, artes, letras, lingua, contos e lendas… que constitúen a nosa cultura, esencia, identidade, autenticidade. Todo o que busca o turista viaxeiro contemporáneo… En definitiva, crear conciencia; educar.

Tal e como manifestan: ‘un grupo interdisciplinario de galegos/as nos unimos para crear unha única Asociación que defenda o noso Patrimonio en tódolos eidos, de modo transversal pero con unica voz, nos medios de comunicación, perante as autoridades, e que colabore na creación dunha conciencia colectiva sobre a relevancia da nosa herdanza, do noso patrimonio’.

É ben sabido, que Latexos de Turismo foi dende o nacemento como blog fiel defensor e protector do patrimonio galego incentivando un turismo con sentido, sostible. Foron varios os artigos que se publicaron no blog sobre o patrimonio (defensa, interpretación, descubrimentos…) Polo tanto, non puiden evitar emocionarme o día da presentación e soñar… soñar con todas as posibilidades de traballo que ten APATRIGAL por diante; un longo camiño que xa empezaron a percorrer e que de seguro se empezarán a sumar voces para loitar… un camiño do que Latexos de Turismo, espera formar parte.

Agardemos pola súa páxina web, onde teremos toda a información.

Minia Del Río, Latexos de Turismo


Tapas da terra e de cine en #Compostela… #moicercadeSantiago.

santiago-e-tapas

Cartel de promoción dos produtos da Área Santiago no Santiago (é) Tapas.

Un ano máis, chegou o Santiago (é) Tapas. Un concurso de tapas que foi dos pioneiros en Galicia, celebrándose dende o ano 2008. Varios establecementos de restauración da cidade de Santiago de Compostela que varían de ano en ano, ofrecen unha serie de tapas durante unhas datas determinadas; no 2015 do 12 ao 29 de novembro. O principal obxectivo, é dinamizar a hostalería da cidade promovendo a gastronomía, e buscando a desestacionalización de Compostela; e máis ó coincidir con outro afamado e arraigado evento: Cineuropa. Este ano, organizado pola Asociación de Hostelería de Santiago e Turismo de Santiago.

Todos os anos hai algunha novidade… no ano 2010 houbo tapas para celíacos e vexetarianos, fíxose a primeira investigación en colaboración coa USC, e organizouse un gastrobingo. No ano 2011, apareceu o tapasporte virtual, de móbil. E no 2014, realizouse un concurso de fotografía de tapas, co hastag #turkishsantiagoetapas.

ocastelao-santiago-e-tapas

Tapa de A Cunca, Lalín en O Castelao no Santiago (é) Tapas.

Este ano 2015, destacara colaboración con Renfe, e a opción de aloxarte nun hotel da cidade (dos adheridos) cun 10% de desconto.

Por outra banda, unha excelente acción de promoción do grupo Área Santiago, que pretende ofrecer a este Santiago (é) Tapas, produtos de proximidade. O día 19 de novembro fíxose unha xornada especial cos gañadores dos certames gastronómicos dos municipios que forman parte do grupo. Acudiron aos locais do Santiago (é) Tapas para ofrecer as súas creacións gañadoras. Tivemos a fortuna de vivilo en primeira persoa!! Foron os seguintes:

  • Argentinos Burguer (A Estrada), gañador de Santas Tapas 2013, estivo en A Moa
  • Cervexería O Vikingo de Lestedo (Boqueixón), gañador da Ruta das Tapas 2014, foi o convidado en A Artesana
  • Bodegón A Cunca (Lalín), Premio Especial do Xurado en Deztápate 2015, acudiu ao Castelao
  • Casa Estilo (Melide), Primer Premio de Melide de Tapas 2015, foi ao Bocalino
  • Restaurante A Magdalena (O Pino) foi o convidado en Garum
  • Século XX Café (Padrón), gañador de Saborea Padrón 2015, estivo en La Bodeguilla de San Roque.
  • Casa de Xantar A Culler (Silleda) foi a O Afiador.
  • Casa Barreiro(Vedra), gañador de Vedra de Tapas 2015, estivo en O Catro.
  • Casa Don Din (Vila de Cruces) acudiu a O Ferro.

restaurantes-area-santiago

Unha boa oportunidade para gozar da excelente gastronomía que hai nos concellos#moicercadeSantiago: queixos, embutidos, doces, carne, pementos, lamprea, anguía, salmón, produtos ecolóxicos… sidra, licores, viño. Un territorio que ademais se preocupa por manter esas festas tradicionais, coma o Entroido tan auténtico que teñen dos Xenerais do Ulla; as matanzas ou a rapa das bestas. E sen esquecer a cultura con referentes coma Rosalía de Castro ou Camilo José Cela vencellados á vila de Padrón. E o patrimonio cultural e natural cos seu pazos, conventos, e xardíns. E como non, territorio polo que pasa o Camiño de Santiago.

Na web www.areasantiago.es podes atopar información sobre aloxamento e actividades nese destino. Ata o 29 de novembro, unha boa oportunidade de gozar da mellor gastronomía de Galicia con tapas da terra e de cine!

Vémonos no Santiago (é) Tapas!!